Día 3: Percy Sledge.
" When a Man Loves a Woman”
(1966).
Percy Sledge naceu o 25 de
novembro de 1941 en Leighton, Alabama. Malia que moitos pensen que é un deses cantantes
que chaman “one-hit wonder” o que ven sendo como o da “flor da marabilla”, tivo
outros grandes éxitos internacionais como o "Warm and Tender Love",
"Take Time to Know Her", "It Tears Me Up", "Cover
Me" e aínda unha versión moi axeitada do "Love Me Tender" que
popularizara Elvis Presley, e que realmente é unha adaptación de “Aura Lee”,
unha canción da guerra de Secesión do 1861.
Percy Sledge tiña unha voz perfecta
para as baladas de soul, o que alguén chamou "clásicos emocionais para
románticos de todas as idades", e "When a Man Loves a Woman" é
unha perfecta mostra desta afirmación. Foi escrita polo propio Sledge, coa
axuda do baixo Calvin Lewis e o organista Andrew Wright, cando o cantante
perdeu de vez o seu traballo e a súa noiva, e alcanzou o número 1 nos Estados
Unidos, e foi tamén un éxito internacional, España incluída.
E de románticos vai a cousa:
porque as razóns da inclusión deste vinilo teñen máis que ver con afectos
persoais que os musicais. Alá polo ano 1967 a miña amada noiva caeu enferma de
amigdalite e papeiras, e ía ser a vez primeira que entraría na súa casa. Cos poucos
cartos que rabuñaba da miña paga merqueille este disco e un bote de peras en
almibre. Das peras non conservamos nin a lembranza da marca: so que era un
fabricante de Lleida, e que eran toda unha novidade. O disco si que está entre
as nosas máis prezadas posesións.
No hay comentarios:
Publicar un comentario