Día 6. A Historia de Benny Goodman (1956).
Os anos 20 foron chamados a
"Era do Jazz" e este tipo de música foi a banda sonora dunha época de
paro e desesperanza, de alcol ilegal e de baile sen freo que lle servían de
válvula de escape ás crases populares. Foi o nacemento das “Big Bands”, as
grandes orquestras de baile que tocaban os temas de éxito nun estilo quente e faiscante
que conducirían á "Era do Swing” onde toda a América do Norte bailaba ao
ritmo de Benny Goodman e Glenn Miller.
O EP de hoxe, catro temas
escollidos da banda sonora da película de 1955 producida pola Universal-International
“The Benny Goodman Story” dirixida por Valentine Davis e protagonizada por Steve
Allen e Donna Reed. O guión introduciu un gran número de elementos de ficción,
pero a música era a orixinal, e moitos dos compañeiros de Goodman aparecían na
película, incluídos Lionel Hampton, Ben Pollack, Harry James e o grande batería
Gene Krupa, un dos motivos da súa inclusión neste desafío, como cativo homenaxe
ao meu profesor de percusión da ETRAD de Vigo, “Chuco” Estévez.
Eugene, “Gene”, Krupa naceu en
Chicago, Illinois o 15 de xaneiro de 1909 e foi on dos máis influentes e
populares baterías do século XX, considerado
como o primeiro solista de batería da historia. Fillo de emigrantes polacos,
comezou a súa carreira profesional a mediados da década dos anos vinte en
Wisconsin, e chegou á popularidade da man de Thelma Terry, unha das primeiras
mulleres que liderou unha banda americana de jazz.
En 1927 Krupa fixo a súa primeira
gravación cunha banda liderada polo baixista Eddie Condon, pero os discos que
máis sona lle deron foron os que gravou coa banda de Thelma Terry en 1928. En
1929 Krupa mudouse a Nova York para traballar coa banda de “Red” Nichols. En
1934 uniuse á banda de Benny Goodman, e en 1938, tras unha pelexa pública con Goodman
no Earl Theater de Filadelfia, deixou a Goodman para lanzar a súa propia banda.
Krupa é un dos principais
atractivos do disco, especialmente no tema que ocupa a cara A na súa
totalidade: “Sing, sing, sing”, o tema principal da estupenda película “Swing Kids”,
en España "Os rebeldes do swing", ambientada en Alemania nos anos de
ascenso do nazismo. Un dos principais, pero
non o único, porque a figura de Benny Goodman, tanto dende o punto de vista de
gran instrumentista como o do seu propio comportamento persoal, abonda para dedicarlle
máis dunha referencia.
A pericia e virtuosismo de Benny Goodman
co clarinete foi recoñecido aínda no pechado mundo da música académica.
Importantes figuras deste eido compuxeron obras para el. Aaron Copland
dedicoulle o seu “Concerto para clarinete e orquestra de cordas con arpa e
piano” de 1947; Béla Bartók o “Trio para Violín, Clarinete e Piano, Constrastes”
de 1938; Paul Hindemith o “Concerto para clarinete de 1947 e Malcolm Arnold o “Concerto nº2 para
clarinete” de 1974.
Benny Goodman era ademais nos
EE.UU.un dos símbolos da apertura cultural e a tolerancia, e un comprometido antirracista.
Un dos momentos importantes na historia musical dos EEUU foi o concerto de jazz
que o 16 de xaneiro de 1938, deu Benny e a súa banda no "santuario"
da música culta de New York: O Teatro
Carnegie Hall. Un escenario absolutamente vedado a toda heterodoxia
musical, e cuxa entrada só podían pagar as clases adiñeiradas. A idea dun dos
asesores publicitarios da “Camel Caravan”, un tal Wynn Nathanson, pareceulle
unha tolemia ao propio Goodman, pero o atractivo de reunir na escena a músicos
de tódalas razas, brancos e negros, xudeus e xitanos, pareceulle un desafío con
atractivo abondo para expoñerse a un fracaso.
Por fortuna as entradas
esgotáronse o mesmo día de poñerse á venda, e houbo que acomodar cadeiras
extras nos corredores e escaleiras. O día do concerto amenceu frío e
desapracible, pero para os afeccionados nada daquilo importou, e encheron o
local.
Cando os músicos, Lionel Hampton,
Gene Krupa, Martha Tilton, Lester Young, Count Basie, Harry James e os demais tomaron
asento detrás dos seus atrís, e Benny Goodman, clarinete en man e vestido cunha
impecable levita, deu a orde de atacar o primeiro tema, os músicos non tiñan
moi claro cal ía ser a reacción dos espectadores. Os entusiastas aplausos ao
fin da primeira peza da noite borraron as súas dúbidas e afrouxaron a enorme
tensión con a que comezaran. A partires dese intre o concerto foi unha
formidable comuñón de músicos e público, entusiasmados polos “I Got Rhythm”, “Blue
Skies”, “Stompin’ at the Savoy” ou o esperado “Sing Sing Sing (with a Swing)”. O
concerto foi un enorme éxito, e del se fixo unha gravación que estivo anos
desaparecida ata que o propio Goodman descubriu en casa uns acetatos e deles se
puido facer unha primeira edición en 1950 do que foi o primeiro LP dobre da
historia, e o primeiro que vendeu un millón de copias. Uns anos máis tarde, no
1998, descubríronse os “masters” en aluminio grazas aos que se puido facer unha
edición con moita mellor calidade sonora, que editouse en 1999 en CD, e que co paso
dos anos converteuse nun dos discos de jazz máis vendidos da historia.
Benny Goodman apareceu en moitas
películas, como “The Powers Girl”, “Stage Door Canteen” ou “The Gang's All Here”,
pero seguro que coa que ides gozar máis e coa de 1948 “Nace unha canción”, “A
Song Is Born”, con Danny Kaye como o Profesor Hobart Frisbee, Virginia Mayo como
Honey Swanson e Benny Goodman como o Profesor Magenbruch. Deixo o enlace do
vídeo por se queredes ir identificando un a un aos músicos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario