sábado, 6 de junio de 2020

Dez portadas. Dez discos. Dez + 1 historias. (8)



Día 7. O cego andante (Pablo Quintana) (1982).

Para a publicación do 17 de maio, Día das Letras Galegas non tiña dúbida ningunha que debera ser algún dos meus primeiros discos vencellados coa música de raíz. Pero cal? Ocorréuseme que sería xusto poñer o foco nalgún daqueles discos que considero inxustamente esquecidos. E, que disco podía reunir eses e moitos máis merecementos que “O cego andante” que Pablo Quintana publicara no selo Ruada? Porque a Pablo Quintana (ademais de a Faustino Santalices e por suposto a Anxo Pintos) debo o meu namoro pola zanfona.

Pablo Quintana López (Vilanova de Oscos, 1956), é un polifacético estudoso e divulgador da cultura popular en xeral, con especial interese no patrimonio material e inmaterial da zona dos Oscos, na “fronteira” galaico/asturiana. Boa proba desa afirmación é o rigoroso e completo traballo en dous tomos La labranza y transformación artesanal del hierro en Taramundi y los Oscos. Siglo XVI-XXI. Aportación a su conocimiento (Asociación Cultural Os Castros, 2005), no que estuda todo o relacionado coa produción artesanal de obxectos de ferro e aceiro nos concellos asturianos de Os Oscos e Taramundi, e que tivo a xenerosidade de trocarme polo meu Mirequelledigo. Crónicas dun filósofo tabernario, un feliz día do ano de 2018, na súa caseta do CULTURGAL.

Podería estar falando un día enteiro da enorme actividade cultural de Pablo, da súa pulsión por recoller toda canta manifestación da cultura material e de transmisión oral ten noticia; da súa actividade como coordinador da serie etnográfica Recolleita da editorial Ruada publicando un disco que contiña as gravacións realizadas ao cego cantor de coplas Florencio da Fontaneira e á pandeireteira Eva Castiñeira; da estupenda labor da súa Editorial Canela que fundara no ano 2008, coordinando a publicación do libro Informe sobre los Oscos, de Julio A. Fernández Lamuño e José Antonio Álvarez Castrillón, ao que seguirían entre outros Os foxos do lobo. A caza do lobo na cultura popular no 2010, Antón Corral. A alborada dun soño no 2016, e moitos outros de grande interese; do seu traballo de articulista con interesantes traballos como a Danza de Reis, a regueifa, os zoqueiros de Villalba, as danzas de Vilanova dos Infantes, os instrumentos musicais do Pórtico de la Gloria, etc.; da súa actividade no campo audiovisual, dirixindo e guionizando unha serie de documentais sobre danzas procesionais e bailes, sobre o toque pechado da gaita, bombos e bombeiros, olería, pratería e acibechería; tamén das súas tarefas na radio, onde presentou e dirixiu varios programas para a difusión da música tradicional e os instrumentos populares en diversas emisoras, e moito máis. Pero, o que é para min máis importante, Pablo é unha gran persoa, culto, accesible e afable.


O día 3 de xuño de 2015, Pablo Quintana estivo na aula Milladoiro da ETRAD de Vigo para presentar o seu libro Amadeo Goyanes e as zanfoneiras de Monforte editado pola “Central folque”, unha ampla biografía sobre este divulgador e construtor de instrumentos monfortino, discípulo de Faustino Santalices. E como cos anos vou perdendo a miña natural timidez, de paso que me dedicaba o libro, púxenlle diante o meu prezado tesouro: o seu álbum "Ou  cego andante"que comprara alá polo ano 1982, co feliz resultado que podedes comprobar na foto.

Para terminar, que mellor homenaxe que escoitar unha das cancións do disco? Propóñovos esta:


No hay comentarios:

Publicar un comentario

As miñas disputas coa IA

Cada día téñolle máis medo a algunhas aplicacións de —supostamente— Intelixencia Artificial. E como para mostra un botón aquí déixovos a de ...