Un tan fermoso
proxecto como foi «A Fraga da Saudade» necesitaba dun axeitado colofón. Se o
proxecto nacera dunha amizade firmemente enraizada na nosa mocidade, que mellor
xeito de celebrar a vitalidade dela que unha celebración a custe cero para os
asistentes? Que mellor emprego poderían ter os cartos obtidos da venta do resto
das carpetas que me tocaran no reparto, despois de entregadas as dos
compromisarios?
Malia que unha parte importante dos asistentes de dereito carecían a estas alturas de compromisos laborais, cumpría xunguir nun día concreto moitas máis dispoñibilidades. Sen ires máis aló as dos músicos e o local. Tras varios intentos cuxas circunstancias non veñen ao caso, escollemos a data, para algún de nos moi especial, do 14 de abril do ano 2015 para facer a presentación da carpeta. E, non sen algunha bágoa e algún remorso, cadramos todos para ese día, oito do serán en «O Lagharto pintado» de Vigo.
Un pouco antes
das oito do serán establecidas comezaron a chegar os invitados ao local do Lagharto,
onde baixo a eficaz man de Manu todo estaba xa preparado. Proxector e pantalla
para os vídeos, mesa para os condutores do acto, cadeiras para os asistentes e
piano eléctrico para o noso pianista de sete estralos: Alejo Amoedo. Sen esquecer
a abundante munición de boca, variadas delicias que incluían o pernil de porco cortado
á demanda.
O discurso de benvida recolleu axeitadamente os propósitos que o acto tiña:
Boas tardes
amigos e amigas, benvidos todos a esta festa de exaltación da amizade a xeito
de proposta cultural multidisciplinar. E digo multidisciplinar porque a mais
de, coma por outra banda é lóxico, a pintura, están representadas case que a
totalidade das artes.
Nun alarde
culterano, mais propio de don Luis de Góngora e Argote que deste esforzado achegador
de verbas, poderíamos dicir que para este acto temos convocado ás nove musas.
• Calíope, a
da belida voz; musa da elocuencia e da poesía épica.
• Clío, a que
ofrece a gloria; musa da epopea
• Erato, a
amorosa; musa da canción amatoria, que disto tamén haberá.
• Euterpe, a
moi pracenteira; musa de la música, e outra das protagonistas da tarde.
• Melpómene,
a melodiosa; musa da traxedia.
• Polimnia, a
dos moitos himnos; musa da poesía sacra
• Talía, a
festiva; musa da comedia.
• Terpsícore,
a que deleita na danza; por se despois alguén se decide a practicala.
• Urania, a celestial; musa das ciencias, que
é a miña.
A meirande parte
dos presentes terase decatado xa, de que nesta douta enumeración faltan as
musas da pintura, da literatura, da escultura e da arquitectura. Aínda que é
posible que non lembre a razón que, como é de ben nacidos, me dispoño a
explicar.
Consonte a
mitoloxía grega as Musas son fillas de Mnemósine: a memoria, e sobriñas de
Kronos, o tempo. Polo tanto un artista que practica unha das artes “musaicas”
precisa da memoria; sen ela non pode executar o seu arte. Pero moito mais
importante: implica o concepto de dependencia do tempo, de fugacidade, de non
permanencia como obxecto artístico material e conservable.
Ven isto a conto
porque o que presentamos hoxe é precisamente un obxecto artístico material e
conservable, unha carpeta de láminas combinadas con escrita, pero que nesta
proposta, queremos levar a efémera. O poema escrito convértese en espiritual
cando se declama. Unha imaxe en movemento proxectada nun lenzo troca a súa
esencia permanente en efémera. Para á primeira tarefa temos connosco algúns
compañeiros da Promoción 64, cuxos nomes e dedicacións enumeraremos mais
adiante. Para a segunda con este “parauto infernal”, que “San Biligheites” o
queira, agardemos nonos deixe colgados.
Decontado a escritora e amiga entrañable Isabel Blanco, antiga alumna do Colexio de Cluny, nos divertiu coas súas experiencias de mocidade, a súa visión da obra realizada e do acto que estabamos a celebrar. Eu falei brevemente dos aspectos materiais da obra e do significado da arte múltiple, e Alex Vázquez-Palacios do proceso seguido para a elaboración dos nove acrílicos da súa contribución ao proxecto. Finalmente interveño brevemente para explicar de como os problemas de saúde do querido Maxi me levaron a coller a responsabilidade de engadirlle o texto ás imaxes de Alex, e de como as láminas chamaban por min para ditarme o seu segredo! E con acerto o sen el, que destas cousas o autor non é o mellor xuíz, engadir o texto inspirado pola imaxe preexistente, para dar cabo a esta carpeta de imaxes dunha fraga ideal, abstracta e xestual, relato poético dun retorno a un pasado común.
Chega o cerne da presentación: oito colexiais recitando co acerto que lle da a súa mellor vontade os oito poemas mentres as imaxes das láminas se proxectan na pantalla. Dúas quendas precedidas pola “Romanza sen palabras” de Marcial del Adalid, “Meditación sobre un bemol” de Jose Luis Pedrosa no intermedio, e para rematar o “Bicos e Rosas” de Antonio Paz Valverde, todas as pezas maxistralmente interpretadas ao piano por Alejo Amoedo.
Finalmente compre ter en conta que o espiritual ten o seu cerne no material, e que dalgún xeito artes efémeras son tamén a cociña e a enoloxía. Quizais menos dependentes da memoria, pero igualmente ligadas ao tempo de execución e á perfección do ritual; en todo caso igualmente necesarias e mais achegadas a nosa natureza carnal, polo que é de supoñer que algo gorentoso nos teñan preparado os sabios e sabias alquimistas da cociña que, cal máxica apócema, nos permita aturar a pé firme e co sorriso nos beizos esta cerimonia que imos oficiar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario