martes, 31 de agosto de 2021

Moita materia


Fai uns poucos anos a Consellería de Industria da Xunta de Galicia encargoume a elaboración dun curso de reciclaxe dos seus técnicos en canto das novidades do Regulamento de Liñas de Alta Tensión do 2008. Ao final despois de facer todo o traballo de preparación da documentación o curso adiouse; para o ano seguinte ano en primeira instancia, e sine die despois.

Gardo no meu disco duro, para a preparación das presentacións de apoio, un conxunto de ilustracións coas que ilustrar o texto. Na carpeta de personaxes eléctricos, entre as fotos de Lord Kelvin, Ampere, Joule, Tesla e outros insignes científicos, está a foto que ilustra esta publicación.

Lucas Lago foi un alumno moi especial, de moitas capacidades e moitas afeccións, o que lle deixaba pouco tempo para dedicar a materia que eu impartía, as Instalacións Eléctricas en Media e Baixa tensión. Como é lóxico, Lucas sostiña unha opinión diferente: a cousa non era que dedicara pouco tempo senón que a materia era un “ladrillo infumable” que non había xeito de meterlle man. Un día apareceu polo meu despacho da EEI, antiga “escola de peritos”, cun paquete de libros e follas fotocopiadas coidadosamente atado cun nó mariñeiro que deposita satisfeito riba da miña mesa.

-   A que non sabes o que é isto!

-   Non. Pero seguro que mo vas a dicir!

-   Os teus apuntes da materia de Instalacións!

-   Pois iso merece unha foto!

E tiro de teléfono móbil, que era un dos primeiros que tiñan tal aplicación, e documento axeitadamente o momento. Lucas quedou un momento pensativo, como se a miña non fora a reacción que agardaba.

-  E non te parece moito?

-   Comparado con que?

-  Moita materia ...

-   O que tes nese atado non é moita materia; é moita información da materia que segundo o programa oficial teño que impartir.

Lucas rematou a carreira, e leva moitos anos nun posto importante dunha das maiores compañías electro técnicas do mundo. Lucas Lago e máis eu seguimos tendo unha estupenda relación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

As miñas disputas coa IA

Cada día téñolle máis medo a algunhas aplicacións de —supostamente— Intelixencia Artificial. E como para mostra un botón aquí déixovos a de ...