Fai un tempo publicou don Anxo Pintos
no seu muro de Feisbú, un comentario acerca do seu almorzo que deixoume pensativo. Se o publicador, que non publicano (aínda que si re-publicano), fora calquera outro non prestaría ás suas verbas ningunha atención, pero don Anxo nos ten afeitos dende fai xa ben anos á que a súas palabras oculten significados máis profundos, necesitadas dun fondo análise semiolóxico. Así, cando afirma no referido texto:
“Me disponía a hacer uso de mis facultades alimentarias”
Craso error sería pensar que o autor está proxectando matricularse nun Grado en Ciencias da Alimentación na Universidade Autónoma de Madrid (UAM), senón unha clara referencia a algo moito mais oculto, máis enigmático. Algo que a min me remite directamente ás aulas da Universidade de Miskatonic, con sede en Arkham, Essex County, Massachusetts, e, atención ao dato!, en cuxa biblioteca figura un exemplar do famoso Necronomicon.
Algún lector, pouco versado nos Mitos de Cthulhu, podería pensar que esta interpretación é esaxerada, pero obsérvese de que forma o autor continúa describindo a elaboración do seu almorzo:
“descubro con asombro cómo el pan de mis tostadas sufre una metamorfosis en su masa” para continuar con, “Atónito, friego mis ojos mientras inquiero a la mermelada de fresa sobre lo sucedido, a lo que me responde con un coreografiado encogimiento de hombros por parte de sus pepitas”.
Para min é evidente que a marmelada de amorodo é unha clara referencia á figura de Nyarlathotep, coñecido como "o caos reptante"; interpretación que ven avalada, que non abalada, pola arrepiante frase que segue:
“gracias a la información que me proporciona un susurrante cachito de fresa, intacto a pesar del trucidatorio empeño de la turmix”.
A música, coma non podía ser doutra forma, ten un papel importante no horror. A frase: “enésima reproducción radiofónica de la salmodia goebbeliana de que la culpa es del Chá-cha-Chá, con la que nos atormentan las tropas rajoinitas y de su camaleónico primo, el Rivera” nos remite ás salmodias coas que os adeptos convocan a Shub-Niggurath, “a cabra dos dez mil fillos", deusa escura e perversa da fertilidade.
Finalmente Anxo se declara representante da Asplurdampanra, que interpreta coma “Asociación plurinacional de damnificados del pan rallado” cando é claro que estase a referir a un dos moitos nomes de Azathot, o primeiro motor do caos, a antítese da creación, o necio sultán dos demos; o que roe, xeme e babea no centro do baleiro final.
NOTA IMPORTANTE: na miña hermenéutica do texto mantiven o idioma da redacción orixinal convencido en que o autor desexa con esta escolla mandarnos unha mensaxe, culta e oculta, que fai relación a prevalenza deste idioma cando aínda estamos ingresando ao estado de consciencia, e cousas coma O horror de Dunwich nos pode coller entre portas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario