Día 8. Treemonisha. Scott Joplin (1976).
Os hai que non teñen remedio!
Cando xa tiña un criterio mais o menos establecido para a publicación seguinte chega
Loli coa súa suxestión, comentario ou aínda apostila:
-
Non me digas que non vas a poñer o Treemonisha de Scott Joplin que tanto escoitabamos!
E non porque “onde hai patrón non
manda mariñeiro”, nin que “a paixón cega a razón” senón porque “o que a raposa
fai o raposo non o desfai”, e que “quen ten razón a ten aínda que non lla dean”,
alá vai a portada da fermosa caixa de dous LP na que a Deutsche Grammophon
editou no 1976 a “ragtime opera” do compositor y pianista afroamericano Scott
Joplin.
Nos coñeceramos a Joplin polo
ragtime The Entertainer, que Marvin Hamlisch, o compositor da banda
sonora de “O golpe” un filme dirixido por George
Roy Hill en 1973 gañador de sete premios Oscar, fixera da composición de
Joplin. O certo é que este “two step ragtime” (un dous pasos de toda a vida, poñamos
que como o de Queimadelos) composto por Scott Joplin en 1902, foi parte
importante do éxito do filme e orixe dun renacemento deste tipo de música nos
EE.UU. e en Europa. A nos gustounos tanto que cando vimos este álbum no Corte Inglés,
daquela a mellor tenda de música de Vigo, cun inesquecible profesional, o Sr.
Criado, ao fronte, non resistimos a tentación de mercalo.
Scott Joplin, que naceu en Texarkana,
Texas o 24 de novembro de 1868, compuxo esta ópera, o seu libreto, música e
orquestración, en 1910, pero nunca a puido estrear. Tan só facer no 1915 unha
representación da obra, que tivo que financiar el mesmo, no Lincoln Theater do Harlem, New York, sen
orquestra e con o compositor ao piano. Para colmo de males no 1962 houbo unha
inundación no fideicomiso que custodiaba a obra de Scott Joplin, e algún
irresponsable destruíu o único manuscrito existente da orquestración que Joplin
fixera da ópera, ao considerar que a auga estragara a partitura e non pagaba a
pena a súa recuperación.
Treemonisha permaneceu no esquecemento ata o 1970, cando alguén descubriu
a copia da partitura da redución para piano e canto que o propio Scott Joplin
enviara ao American Musician and Art
Journal. O 22 de outubro de 1971, algúns extractos desta ópera
presentáronse en forma de concerto na Biblioteca
Pública das Artes Escénicas de Nova York, con actuacións de William Bolcom,
Joshua Rifkin e Mary Lou Williams. A estrea mundial da ópera como tal, tivo
lugar o 27 de xaneiro de 1972 en Atlanta, Xeorxia, como unha produción conxunta
do departamento de música do Morehouse
College e da Orquestra Sinfónica de
Atlanta, utilizando a orquestración do musicólogo TJ Anderson. A actuación
foi dirixida por Robert Shaw coa compañía de danza afroamericana de Katherine Dunham. Pouco tempo despois, no 1975, Gunther Schuller,
un músico e compositor de jazz namorado das obras de Joplin, fixo unha
adaptación diferente que representouse na Gran Ópera de Houston, orixe da
gravación que comentamos.
A ópera é unha celebración da
música e a cultura afroamericana que ten como argumento principal a idea de que
a educación é o camiño para a redención da raza negra. E a heroína, Treemonisha,
unha moza que aprendeu a ler, escribir e sumar e restar, simboliza este camiño
á redención polo coñecemento, en oposición a unha banda local de magos que pretenden
manter ao pobo na ignorancia. Ao principio as persoas do pobo resístense ao
cambio. A superstición forma parte da súa cultura e rexeitan a Treemonisha. Os
curandeiros, feiticeiros e predicadores secuestran a Treemonisha. Ao final, un
amigo da rapaza rescátaa e ela convértese na líder do seu pobo servíndose da
ilustración e a razón para acabar cos medos e as supersticións.
O disco recolle a produción de Thomas
Mowrey para a Houston Grand Opera, coa orquestra e coros dirixidos por Gunther
Schuller, que fixo tamén os arranxos e orquestración. A soprano Carmen Balthrop
fai o papel de Treemonisha, a mezzo-soprano Betty Allen o de Monisha, a nai
adoptiva de Tree-monisha, e o barítono Willard White no de Ned, o do pai
adoptivo. O resto de papeis son Curtis Rayam, Dwight Ransom, Cora Johnson, Dorceal
Duckens, Edward Pierson, Raymond Bazemore e Ben Harney.
Vai con subtítulos en portugués,
pero non creo que iso moleste a ninguén.
No hay comentarios:
Publicar un comentario