«A Fraga da Saudade» foi o resultado dun proxecto artístico nacido ao calor da xuntanza que os compoñentes da Promoción do 64 (val dicir os que rematamos o Preu nese ano) organizamos para a conmemoración dos cincuenta anos do noso adeus ao Colexio Apóstolo Santiago dos Xesuítas de Vigo. Daquela, o grupo de colexiais encargados da organización do evento argallamos que cumpriría facer, ademais do xantar de tódolos anos, algo especial e menos efémero que representara o vincallo da nosa común educación, e que nos permitira condensar nese obxecto a maxia das lembranzas desa efeméride. Despois de moitas ideas acordamos que ese obxecto especial ía ser unha lámina que ilustrara mediante unha combinación de imaxe e texto a nosa relación co Colexio que abandonamos fisicamente fai eses cincuenta anos.
Por que imaxe e texto e non imaxe só, ou texto sen nada máis? Ben sabedes
que se imaxe e texto diverxeron ao longo da historia, no sentido de afirmar
cadaquén as formas de comunicación que lle son propias, non é menos certo que
ao longo dela tamén se deron constantes intentos de conxugar e aínda fusionar ás
dúas. A caligrafía, os caligramas, a poesía visual son bos exemplos. Aínda a
escritura, as veces, quixo permanecer a medio camiño entre símbolo e signo.
O seguinte punto foi de rápido acordo. Que mellor representación gráfica da nosa identidade como grupo que o bosque do Colexio! Poucas cousas hai que podan representar con mais acerto o sentido do tempo, do camiño, de experiencia iniciática, de identidade e de diversidade que unha fraga coa súa cambiante variedade.
Para os que non coñezan o colexio dos Xesuítas de Vigo, teño que explicar que unha parte importante da finca de Bellavista, na que está construído o noso colexio, a ocupa un importante bosque con algunhas das árbores mais singulares de Galicia, coma un plátano de California de 20 m de alto e 120 anos de idade, un dióspiro de 12 m e 110 anos, araucarias de ata 35 m e 100 anos, érbedos, teixos, carballos, buxos, magnolias, etc. Aínda que cómpre aclarar que, de todas as árbores citadas, a que máis nos interesaba neste proxecto era a árbore da sabedoría, a árbore do ben e do mal, aquela que erguíase no mais profundo da fraga. Alén da botánica, para nos ese bosque representaba a transgresión, o prohibido, o lugar das primeiras descubertas, do primeiro pecado, do primeiro cigarro fumado ás agachadas ...
Quedaba por escoller entre aqueles practicantes de canda súa das liturxias da promoción a un que tivera tempo abondo e disposición axeitada como para rematar en prazo a delicada encarga. Máis escollido o tema a elección do pintor era evidente. Quen podía recoller mellor o latexo da fraga que o gran pintor da natureza que é o noso compañeiro Alex Vázquez-Palacios? Escoller ao autor das palabras que debían acompañar e complementar a imaxe tampouco foi decisión moi ardua: Maxi Olariaga tiña méritos e disposición abondo como para levar o traballo a porto seguro. E o máis curioso: os tiñamos aos dous nunha mesma foto!
Alex ponse decontado ao traballo e, como consecuencia natural da súa
capacidade para as variacións riba dun mesmo tema (supoño que froito da súa
afección polo jazz) fainos, non un senón nove acrílicos! Tan fermosos todos
eles, que custou moito traballo escoller un soamente e desbotar o resto.
Reclamamos o texto a Maxi, pero hai cousas, como a saúde, que mandan por riba
de nos, e coas datas apremando non cabe outra que botar man do que estea máis preto!
E ese son eu, así que din un paso adiante e encargueime de poñer o texto á
ilustración escollida. Con maior ou menor acerto que iso tédelo que dicir vós.
Chegou o día da celebración. Comeuse, bebeuse, fixéronse acendidas arengas, bebeuse, elocuentes disertacións, bebeuse, inesperados sermóns, ata que os organizadores, para intentar coutar un pouco o entusiasmo da congregación, procedemos á distribución da lámina de agasallo, que, por mor da boa disposición ao que a inxestión de espirituosos inclina ao ser humano, mereceu os máis entusiastas dos eloxios que cadaquén logrou expresar.
E o normal sería que neste punto rematara a historia das láminas do Cincuentenario. Se non fora porque Alex non fixera un único acrílico da fraga! E a min me parecían tan fermosos todos eles que me custaba moito deixar o resto no esquecemento. De feito ata que non recibira o resultado da votación de escolla traballara, eu tamén en varios textos, porque cada imaxe xeraba en min un sentimento distinto e mesmo unha historia que lle acaía. Pensei entón que non sería mala cousa reunir todos eles nunha carpeta e facer unha edición múltiple. Na primeira redacción os textos se relacionan coa súa imaxe mais o conxunto carecen de sentido. A miña querida amiga a escritora Isabel Blanco, a quen llo dou a ler, sinálame este aspecto con sinceridade e acerto. E grazas á súa intervención descubro que reordenando as láminas e facendo algúns pequenos trocos, o conxunto posúe un relato coherente e a totalidade do proxecto adquire un novo significado.
Este foi o proceso de elaboración de ”A Fraga da Saudade”, unha edición dixital de 50 exemplares nunha carpeta contendo oito láminas de 294x230mm en cartolina Conqueror Contour de 300 g/m2, nunha carpeta pechada cun lazo de rafia. Cada unha das láminas da serie vai firmada manualmente, como é preceptivo, con lapis de grafito por ámbolos dous autores de imaxe e texto. As imaxes de Alex Vázquez-Palacios, abstractas e xestuais, dunha fraga ideal, mítica, na que tantas xeracións de colexiais construíron a súa educación, formaron a súa personalidade e forxaron á súa relación. Os textos, coidadosamente caligrafiados polo autor, pretenden establecer unha relación coa imaxe preexistente, e, no seu conxunto, intentan suxerir ao lector o relato dun retorno a un pasado común do grupo, das semellanzas e das diferenzas que os camiños da vida gravaron a fogo en cada un de nos, e, coma non!, da inquedanza polo que a vida que nos queda por diante traerá ao lector.
No hay comentarios:
Publicar un comentario