De cando en vez o Facebook serve de algo, e faime lembrar na sección de “tal día como hoxe” cousas que seguen a ter validez e que quero ter máis accesibles. Neste caso a cousa viña da man dunha feliz descuberta: unha diapositiva do chabolismo nos arrabaldes do Vigo do setenta, que tirara para unha presentación con imaxe e son, ou como dicía Pepe Outes aproveitando que fixera a carreira en Alemaña, unha “Diavortrag” coa que, nun arranque de entusiasmo militante discorréramos que íamos a preparar para apoiar a campaña electoral do Partido Comunista de Galicia nas primeiras elección municipais de 1979. E como a función require dun órgano, sen máis cavilación, dúbida ou indecisión, os alí presentes, un pouco numeroso e heteroxéneo grupo de xentes, xunguidos por unha firme amizade que 42 anos despois mantemos, fundamos o CAL, acrónimo de Colectivo de Artistas Leninistas, deixando ben claro nesa brincadeira ás nosas ganas de amolar as autoridades en xeral. Contra todo prognóstico a vontade foi maior que as nosas incapacidades, e a presentación de diapositivas con locución gravada “O Vigo que nos deixaron e o Vigo que queremos” se proxectou en diversos locais de Vigo con enorme éxito, para asombro de moitos e desesperación de outros, que non daban nin un duro pola iniciativa.
O traballo naceu dunha interacción entre a idea previa e as imaxes que
debían ilustrar as nosas propostas para unha cidade mellor e máis achegada ás
necesidades dos cidadáns, especialmente das clases máis desfavorecidas. Esta
foto desbotouse na montaxe final, ben porque non se lle atopou un oco no fío
argumental, ben por simple esquecemento, e quedou no meu arquivo; esquecida ata
que agora coa xubilación me dá por remexer en cousas antigas, que non vellas.
Foi atopala e abrir a billa das lembranzas. E na enxurrada estaba, como non, outro dos esgrevios membros do CAL: Avelino González, “Pupo” para a nosa filla. Mandeilla e esta foi a súa fermosa resposta:
“Tendal da Iª GM. Os aramados das trincheiras non estaban postas para
frear ó estranxeiro, senón para que non fuxise o nacional. Quedaron en pé estes
aramados de fío e tea. Un labirinto onde vas quedar preso vaias por onde vaias.
Velaí están as vítimas, á vista. penduradas, inertes. Ó can só lle falta unha
pinza e unha corda. Esa nena, con esa saia tan branca e tan limpa, é a
esperanza de que a corda do tendal convertida en bambán sirva para saltar o aramado
da guerra de prexuízos. Oxalá que cando salte, ó caer en terra, caia nun
abrazo. Con canta razón o movemento obreiro organizado se opuxo á guerra e ós patriotas".
No hay comentarios:
Publicar un comentario