(en castelán San Alejo)
Pouco se sabe de
certo da vida e milagres do noso santo laico de hoxe, senón fora polo labor incansable
dun vello xograr do “Mester de afinaría”, que decidiu fixar por escrito a abundante
tradición oral que sobre o noso santiño circulaba en faladoiros e fiandóns.
Disque a mediados
do ben afastado século XXI, vivía en Vigo, na Galiza periurbana, un músico de
grandes dotes a quen o pobo veneraba como un santo, e do que case que ninguén
coñecía o seu verdadeiro nome, polo que para referirse á súa persoa non tiñan
máis remedio que chamarlle por un acrónimo: AMUCUDEAET, ou sexa Aquel MUchacho
CUyos dedos Acarician El Teclado” o máis simplemente "Tócaa outra vez,
rapaz!” cando pasaba polo barrio de Casablanca, de Vigo, por suposto!
Afirma a
tradición oral, que destas cousas sabe moito, que AMUCUDEAET, tamén coñecido nos
bares de ambiente como “Tocacomodiós”, viviu na época do bispo Crápula, dato
este que non aporta moita información porque o certo é que a práctica
totalidade dos bispos sonche uns crápulas de carallo. O que si parece máis
demostrado é que o noso músico compartía con outros menos afortunados, a esmola
que recollía ás portas das igrexas, danzóns e casas de lenocinio por parar de tocar
a altas horas da noite un piano de gran cola que desprazaba polas empedradas
rúas do Casco Vello na sela traseira dunha Velo-Solex que mercara a prazos.
En realidade Santo
Afasto, que tal era o seu verdadeiro nome, era fillo dun senador romano que
tocaba con rara habilidade varios instrumentos de vento-metal. Á idade de vinte
anos comprendeu que a súa vida rodeada de riquezas era un perigo para a súa
alma. Para servir a Deus na maior humildade, foise de Redondela a Vigo disfrazado
de músico de banda militar. En Vigo viviu por moitos anos dedicado á oración e
á penitencia. Tocaba o piano para vivir e para desesperación dos veciños. Cando
se descubriu que era fillo dunha familia rica de Redondela, Afasto temeu que
lle rendesen honras e regresou a Redondela, a casa do seu pai onde viviu un par
de días de incógnito, durmindo debaixo da cama. Todo o marisco que lle daban
para xantar o aceptaba con humildade e ofrecía o sacrificio da súa inxestión por
non facerlle un feo aos probes pescadores e asentadores de peixe.
Un día, revelou
aos seus pais que era o seu fillo, e que escollera vivir aquela vida por
penitencia. Os dous anciáns abrazárono chorando e cominárono a presentar dunha
puta vez a súa tese de doutoramento. Cando o bispo Crápula soubo do caso,
mandou que lle leran a tese, pero cando os lectores estaban aínda na páxina
9.485, o bispo arrogañouse cunha anacrusa executada con un staccato corto con leve movemento
de pulso, e morreu entre horribles sufrimentos.
A fama do suceso estendeuse rapidamente chegando ao coñecemento dos que controlan ás mais altas cumes do coñecemento, e Santo Afasto foi irremediablemente nomeado para un posto no Comité Executivo do Consello da Cultura Galega.
No hay comentarios:
Publicar un comentario